Neste mes de marzo, coincidindo co Día Internacional das Mulleres, o Observatorio celebra o seu cuarto aniversario de andaina feminista pola Mariña de Lugo. Para elo, temos preparadas diversas actividades polas nosas localidades que comezarán, o próximo día 1 de marzo, coa presentación na Casa das Letras de Ribadeo do último libro de Carme Adán “Cartografías do derrubo. Escribir ao xornal“. No acto, no que aproveitaremos para facer unha reflexión conxunta sobre xornalismo, política e mulleres, intervirán:
– Carme Adán, autora do libro
– Mari Luz Álvarez Lastra, concelleira de Igualdade e Cultura do Concello de Ribadeo
– Luísa González, presidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade
– Lucía L. Bayo, xornalista
– Xavier Paz, director editorial de Difusora de Letras, Artes e Ideas.

Nestes catro anos de traballo, o Observatorio ten levado a cabo numerosas actividades nas distintas localidades mariñás, sempre pensadas en prol da igualdade. Charlas café desde un punto de vista de xénero sobre temas de actualidade, video-forums para coñecer a situación das mulleres doutras culturas e para visibilizar o traballo das directoras de cinema, campaña e proxectos cos IES mariñás para previr a violencia de xénero no alumnado de secundaria, cursos de fotografía dixital,o concerto Músicas e letras en feminino, para valorar o traballo das artistas da zona, diversas campañas informativas, denuncias públicas, etc.
Ademáis da presentación do último libro de Carme Adán, temos programadas diversas actividades durante o mes de marzo, enmarcadas todas elas no Día Internacional das Mulleres:
– Homenaxe ás mariscadoras de Rinlo, o 10 de marzo, no que intervirá Adela Figueroa, escritora, e Celsa Sánchez, ilustradora.
– Campaña de información e difusión pola Mariña da nova normativa, que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro, do réxime das traballadoras do fogar.
– Participación na campaña nacional do 8 do marzo “Mulleres galegas, en loita polos nosos dereitos”, convocada por diversos colectivos de Galiza, e que terá o seu punto central na manifestación prevista en Santiago de Compostela para o domingo 11 de marzo.
Agardámosvos!


