Como xa sabedes este 2012 adicamos a nosa Axenda Feminista ás músicas galegas. DAQUELAS QUE CANTAN é unha homenaxe ás artistas galegas e, para elo, cada mes está encabezado por unha foto delas e un texto que elas mesmo concibiron e redactaron expresamente para esta axenda. O mes de xaneiro é o adicado de Uxía. Deixámosvos coa súa foto e o seu texto.

 

 

UXÍA

Deixar voar a voz ata pousala alá onde é preciso sosego e calma. Sinto que o meu canto é unha misión inescusábel e que a música desgarra, axita e arrebata e, como no sexo, esperta en nós o máis instintivo e primario. No canto, a música desvela o nosoeumáis puro e inocente, o que está limpo de artificios e máscaras. Andei este longo camiño para aprender a mirarme, a quererme e a recoñecerme naquilo que interpreto, fuxindo do virtuosismo exhibicionista, máis limpa e transparente, porque sei que non hai nada máis sofisticado que o esencial, nada máis verdadeiro que a expresión que sae do máis fondo de min.

Cantar é saber pulsar a corda da emoción, sentir e respirar ao unísono, iluminar …

O meu canto é tamén de quen durante todos estes anos me brindou o seu alento para seguir cantando e non desmaiar nunca. Reinventándome, resucitando, resistindo e amando moito este oficio sagrado. E sen esquecer, como ben di Ferreira Gullar, que ‘o canto não pode ser uma traição à vida, e só é justo cantar se o nosso canto arrasta consigo as pessoas e as coisas que não têm voz’

O canto das mulleres galegas está lonxe do patriarcal discurso musical e logra reivindicar o recoñecemento do peso da tradición cultural feminina.

As nosas músicas son unha homenaxe a todas as mulleres que aínda temos que loitar para que se realicen os nosos soños, moi a miúdo ante a adversidade e en condicións difíciles, mesmo no ámbito artístico. Por iso, temos o noso propio xeito de interpretar a música, non nos limitamos a ser canles dos outros. As mulleres galegas do canto pretendemos amosar o inmenso potencial creativo das xeracións de cantoras e escritoras que nos precederon (Rosalía de Castro, María Mariño, Pilocha, María Manuela…) que usaron a nosa lingua e expresaron sen complexos os seus sentimentos máis profundos.

E achegamos á música toda a nosa forza, a nosa fortaleza como depositarias da palabra cantada na música tradicional á que acrecentamos a nosa identidade como creadoras.

                                                                                                                      Uxía

 

Uxía sempre tivo a convicción de que un pobo que cantou desde tempos inmemoriais non pode perder un instrumento tan fundamental como a propia voz. Por esta razón, promoveu a creación de grupos de cantareiras. Produce os discos das súas populares paisanas de Malvela e da solista Sra. Carmen que gravou o seu primeiro traballo discográfico con 82 anos así como o das coñecidas Cantadeiras do Berbés. Fixo a dirección artística e participou en espectáculos como Son Delas, no que reuniría a cantantes e instrumentistas como Guadi Galego, Mercedes Peón, Rosa Cedrón, Susana Seivane, Ugía Pedreira, etc. Así mesmo, é unha das protagonistas do documental televisivo As últimas primas Donnas xunto a cantantes como Noa e Jessie Norman, difundido en Europa pola canle Arte. Máis recentemente volveu a reunir a moitas das máis importantes cantoras e compositoras galegas no espectáculo ‘7 sereas.

Síguenos nas redes:

Share This