O pasado sábado 22 de outubro tivo lugar en Mondoñedo o I Outono Feminista, unha aposta do Observatorio para visibilizar e valorar o feito de contarmos hoxe con propostas artísticas de mulleres galegas en calquera disciplinaque desenvolven un importante papel para o presente e o futuro do País.

 

O día comezou coa mesa redonda sobre Feminismo e escrita. A creación literaria das mulleres galegas, na que contamos coa presenza de Teresa Moure e Carmen Blanco (Marica Campo, que estaba previsto que nos acompañase, non puido estar con nós por motivos de saúde). Ambas escritoras abogaron por unha nova visión da realidade, por cuestionar o poder establecido, insistindo en que este replanteamento o teñen que facer tamén ás mulleres. Neste sentido defenderon o feminismo como movemento transformador, un movemento para obter xustiza social e felicidade para todas e todos

  

 
Na seguinte mesa redonda, sobre Músicas en feminino. As mulleres e a música en Galiza, contamos coa presenza de Guadi Galego e Olga Nogueira (Ugia Pedreira tampouco puido asistir por motivos de saúde). Ambas artistas falaron da súa experiencia persoal de ser mulleres no mundo da música. Guadi, recordando con moito cariño os seus anos en Berrogüeto, recoñeceu que estar de xira con seis homes faite ver, ás veces, que estás nunha situación de inferioridade. Recoñeceu que o machismo existe, e que incluso moitas veces somos as mulleres mesmas as que temos compartamentos machistas. Contou unha anécdota persoal na que lle chegaron a dicir “Ti cantas moi ben. Se chegas a ser guapa e non cantar en galego..”. Para ela o seu disco Espido marcou un punto de inflexión na súa carreira, pois foi un disco feito desde unha óptica totalmente feminista. Olga tamén falou da súa experiencia persoal e afirmou que hoxe en día, na música galega, as mulleres valoran máis o seu traballo: “este é o meu proxecto e o quero así“. Sinalou que no ámbito da xestión artística hai moitas mulleres e moi poucas en postos de poder. De feito, a Central Folque é unha das poucas empresas culturais galegas dirixida por unha muller. Tanto Guadi como Olga coincidiron en que o nivel e a calidade de produción deste País non se noutros lugares próximos

  

Despois do parón que fixemos para xantar na taberna O Valeco, e no que aproveitamos para seguir falando e debatindo nun clima do máis agradabel, chegou o turno da mesa redonda sobre “As mulleres e o cinema en Galiza. Carmen Rábade e Margarita Ledo (Diana Gonçalves, por motivos familiares, non puido acompañarnos), falaron de datos e puidemos comprobar como nas largometraxes en Galiza hai un 15% de mulleres directivas, un 14’7% de mulleres na parte artística, 34’3% na executiva e 20% na técnica. é no grupo especialista (maquillaxe, perruquería, vestiario) onde se atopa un maior número de mulleres. Tamén na composición dos xurados de cinema , eses que deciden que é e que é malo, hai algúns nos que nen sequera hai unha muller. INclsuo comentaron que as mulleres poden mandar a súa película a concursar pero pouco ten que facer senón leva unha liña masculina. En palabras de Carmen Rábade, “estos números demostran que non estamos falando de percepcións, senón de realidades“. 

 

Rematamos o Outono Feminista coa proxección de dous traballos: a curta “Bata por fóra, muller por dentro“, de Claudia Brenlla, na que a autora quería facer un tributo ás nosas antepasadas, empregando  a bata como símbolo para reivindicar o papel da muller na sociedade tradicional; e o documentalMulleres da raia“, de Diana Gonçalves, no que se fai referencia ao contrabando local e á emigración clandestina a partor da loita diaria pola supervivencia da que as mulleres arraianas foron testemuñas e protagonistas.

Síguenos nas redes:

Share This