O I CONCERTO MÚSICAS E LETRAS EN FEMINO resultou un éxito!! O auditorio de Mondoñedo reuniu a máis dun centear de persoas que desfrutaron dunha noite na que se combinou a música de Ugia Pedreira e Fred Martins ou Alesancia coas verbas de poetas da mariña como Olalla Cociña, Luz Pozo, Marica Campo, Ugia Pedreira, Luísa Castro ou Carmen Blanco, ás que lle puxeron voz Aurora, Alba, Judith, Noa, Natalia e Alba, alumnas do IES San Rosendo.
Como xa comentamos ao comezo do concerto, Músicas e Letras en feminino pretende converterse, pouco a pouco, nun espazo de referencia dentro da Mariña para a difusión da creatividade artística das mulleres da comarca, tanto no ámbito profesional como no ámbito amateur. Entendemos que a cultura é un ámbito fundamental para construír unha sociedade máis igualitaria e máis xusta. As mulleres e os homes que formamos o Observatorio reivindicámonos feministas porque entendemos o feminismo como unha ferramenta para a transformación da sociedade na que vivimos. Na cultura, igual que en moitos outros ámbitos da vida, tamén é necesario realizar un traballo de sensibilización e convencemento sobre a situación de desigualdade que aínda hoxe vivimos as mulleres polo feito de selo. Esta desigualdade agrávase, especialmente, no caso das mulleres que desenvolven a súa actividade artística en galego, a nosa lingua propia e que aínda a pesar de selo padece tamén unha evidente desigualdade social con respecto ao castelán. É por iso polo que para este evento quixemos contar con artistas da Mariña, pois queremos axudar a súa visibilización e valoración e ademáis con artistas que traballan en galego, porque nos parece xusto, necesario e normal.
Moitas grazas, pois, a todas as persoas que fixeron posible este I Concerto Músicas e Letras en femino e a todas as persoas que acudichedes a Mondoñedo. Agardámosvos na seguinte actividade!!




