E seguindo coa nosa campaña “12 meses, 12 reivindicacións” o Observatorio adica o mes de abril á Saúde sexual e reproductiva!
Polo dereito a decidirmos sobre o noso corpo!
As políticas alentadas por organismos como a Organización Mundial da Saúde a prol da saúde sexual e da saúde reproductiva das mulleres, como resposta ás demandas feministas, supuxeron unha mellora notábel da vida das mulleres: no primeiro caso, para garantir que os dereitos sexuais das mulleres sexan respectados, protexidos e exercidos a plenitude conducindo así a un estado de benestar físico, emocional, mental e social; e no segundo caso, para garantir o poder de decisión das mulleres sobre a reprodución sexual e a procreación. No entanto, en pleno século XXI moitas mulleres seguen a ver como constantemente se vulnera o dereito a gozaren dunha saúde sexual e reproductiva, negándolles así a posibilidade de decidir sobre os seus propios corpos. Canto á saúde sexual, abonda lembrar que na nosa contorna 1 de cada 5 mulleres é vítima de violación ou de intento de violación unha vez na súa vida. Canto á saúde reproductiva, día a día vemos como desde os poderes públicos se recortan orzamentos en servizos de orientación ou planificación familiar, como se dificulta o acceso das mulleres á contracepción, ou como nalgúns lugares se someten ás mulleres a esterilizacións masivas sen o seu consentimento, mentres noutros países se obstaculiza a aplicación práctica da lei do aborto.


