Dentro da campaña 12 meses, 12 reivindicacións, o Observatorio adica o mes de marzo á Igualdade laboral!

 

Pola Igualdade no eido do traballo!

 

Aínda que en termos globais na actualidade moitas mulleres seguen a ser privadas de  acceso ao mercado laboral, o certo é que nas últimas décadas asistimos a unha incorporación masiva das mulleres ao emprego remunerado. Tal e como viñan reivindicando os feminismos, isto supuxo unha mellora considerábel nas posibilidades vitais de moitas mulleres, que deste xeito gañaron independencia económica e convertéronse en seres autosuficientes. Con todo, seguen a ser moitas as mulleres que padecen discriminacións de xénero no eido do traballo, como por exemplo a desigualdade salarial por realizar idénticos traballos, os teitos de cristal que impiden acceder a postos de responsabilidade, a precariedade do emprego ou a maior desprotección social (menor cotización, soldo inferior, peores subsidios de desemprego, etc.), como consecuencia de seren as mulleres quen con máis frecuencia desempeñan traballos a tempo parcial, nocturnos e mal remunerados que si sexan compatíbeis coa asución das responsabilidades familiares. Esta discriminación laboral tórnase especialmente grave no caso dos fogares monomarentais ou dos fogares que reciben o seu sostén principal das mulleres, que se ven así abocadas a situacións de pobreza extrema. A carón disto, as cifras seguen a dicirnos que hoxe en día a taxa de paro segue a ser maior entre as mulleres, unha realidade que os gobernos non semellan ter en conta cando, por exemplo, propoñen medidas para os tempos de crise encamiñandas principalmente a sectores laborais masculinizados. Cómpre, pois, seguirmos a reivindicar o dereito á igualdade laboral!

Síguenos nas redes:

Share This