Corresponsabilidade! Por un reparto igualitario das tarefas domésticas!
Esta é a reivindicación do Observatorio para o mes de febreiro, enmarcada como xa sabedes na campaña do 2011 “12 meses, 12 reivindicacións”
Grazas aos éxitos colleitos pola loita feminista, nas últimas décadas moitas mulleres conseguiron saír dos confíns da esfera doméstica e incorporarse activamente ao mercado laboral. Con todo, en moitos casos este logro desembocou nunha dobre xornada laboral para as mulleres, de forma que ademais de exerceren a súa profesión fóra da casa, tamén teñen que se ocuparen case en exclusiva das tarefas domésticas (compra de bens e adquisición de servizos para o fogar, cociñar, lavar, pasar o ferro, limpar, tarefas de xestión para a organización e distribución de tarefas, xestión fóra do fogar como o pagamento de contas ou trámites, etc.), dos coidados familiares (desde coidar crianzas, persoas dependentes ou persoas anciás, até realizar traballo voluntario para a comunidade) e mais de actividades de subsitencia (auto-produción de alimentos, fabricación de vestimenta e servizos, etc.). Esta sobrecarga de traballo no caso das mulleres constitúe unha forma de discriminación. É por iso que xunto ao mantemento dun estado de benestar que garanta o gasto público en programas sociais (saúde, educación, garderías, etc.), cómpre tamén apelar á corresponsabilidade como xeito de lograr un reparto igualitario das tarefas do fogar entre homes e mulleres, pois ademais de fomentar a autoestima e mellorar a calidade de vida das persoas, consititúe un camiño cara a unha sociedade máis xusta.


