Comezamos o 2011 cunha nova campaña, 12 meses, 12 reivindicacións, na que utilizaremos cada mes do ano para denunciar a situación actual sobre problemáticas moi presentes na nosa sociedade sobre as que aínda hoxe existe unha clara discriminación de xénero.
En xaneiro reivindicamos un reparto xusto!! Queremos a fin da feminización da pobreza.
As mulleres están en maior situación de risco ca os homes fronte á pobreza: a cantidade de mulleres pobres é maior á dos homes pobres e a fenda que separa aos homes das mulleres atrapadas no ciclo da pobreza segue ampliándose até o punto de que máis do 70 por cento dos 1.500 millóns de persoas que viven con menos dun dólar ao día no mundo son mulleres. Con todo, esta feminización da pobreza pasou desapercibida até época recente, cando desde os feminismos se esixiu que a tradicional medición de pobreza por fogares debía complementarse coa medición de ingresos individuais das persoas que compoñen a unidade familiar. Así desveláronse dúas realidades antigas e ocultas na familia: a primeira é que nas familias pobres as mulleres sono máis; e, a segunda, que mesmo en fogares non pobres nin excluídos, a renda non se distribúe necesariamente de forma igualitaria entre os seus membros e membras, senón que hai importantes desigualdades de xénero que conducen a que as maiores limitacións para ser autonómas/os en termos económicosas sufran as mulleres, en moitos casos porque as mulleres teñen unha responsabilidade doméstica que absorbe unha parte importante dos seus ingresos e, noutros moitos casos, porque as mulleres non teñen acceso á propiedade.
Na nosa contorna a feminización da pobreza tamén garda relación co aumento do desemprego feminino, coa desigualdade salarial, coa precariedade do traballo feminino e co desempeño de traballo non remunerado por parte das mulleres na esfera doméstica (situación esta agravada polos ataques que está a sufrir o estado de benestar por parte dos poderes públicos), pois se ben este traballo non lles xera beneficios monetarios, si satisfai necesidades da familia no seu conxunto, permite a reprodución social e “aforra” gastos á familia. En definitiva, aínda que as mulleres soportan unha carga moito maior á dos homes, só un terzo das actividades que realizan son remuneradas, e así as mulleres realizan o 67 por cento das horas traballadas no mundo mentres gañan tan só o 10 por cento dos ingresos xerados. Xa que logo, sen a perspectiva de xénero a pobreza enténdese de xeito insuficiente, e é por iso que ao articular políticas correctoras para a erradicación da pobreza se teña en conta como as mulleres se atopan nunha situación moito máis vulnerábel fronte á pobreza, tanto en países en vías de desenvolvemento como tamén, abofé, na nosa contorna máis próxima.


