Foi en xuño de 2009 cando inauguramos o ciclo de charlas café “Falemos de…”. Con esta actividade pretendemos abordar desde unha perspectiva de xénero temas actuais nun ambiente agradábel e acolledor, no cal os homes e mulleres do público poidan interaccionar coas relatoras ao mesmo tempo que gozan dunha consumición.

 

 

En Ribadeo tivo lugar a primeira charla café, dedicada á “Repercusión da crise económica nas mulleres”. Contamos para a ocasión coa presenza da economista e profesora da USC María do Carme García Negro e da socióloga Ana Touriño.

 

“O aborto a debate” foi a seguinte parada do noso ciclo “Falemos de…”. Tivo lugar en Burela, tamén no mes de xuño, e coa axuda de Luísa González, xurista e experta en xénero; Beni Martínez, sexóloga e matrona; e Lupe Ces e Mariola Mourelo, dúas membras da Marcha Mundial das Mulleres en Galiza, ademais de históricas do feminismo galego.

 

En setembro falamos das “Mulleres no deporte”. Na cita de Burela participaron dúas deportistas de elite da Mariña, a atleta Ana Ferradás e a xogadora de fútbol sala Rosana Carballés. Tamén estiveron a psicóloga deportiva Juana Blanco e a vicepresidenta da asociación Mudega, Mercé Barrientos.

 

A cuarta chala café versou sobre a segregación por sexos nas aulas. Tivo lugar en Foz no mes de outubro e contou coas intervencións de Dores Fernández Abel, secretaria comarcal da CIG Ensino, e Ana Sánchez Bello, doutora en psicopedagoxía, experta en coeducación e profesora titular da Universidade da Coruña.

 

Goretti Sanmartín, profesora da Universidade da Coruña, e Olga Castro, investigadora da Universidade de Vigo, estiveron en outubro en San Cibrao na charla café sobre “Xénero e idioma”. As relatoras abordaron como ser muller ou home inflúe nos usos lingüísticos en galego, a violencia que supón culpabilizar ás mulleres da perda de falantes pola non transmisión interxeracional da lingua e as alternativas para un galego non sexista.

O tema escollido para a sexta cita deste ciclo foi “Mulleres e saúde: a Endometriose”, coa intención de verter algo de luz sobre unha enfermidade relativamente común pero moi descoñecida e aínda moi infradiagnosticada que pode afectar a calquera muller en idade fértil. Participaron Chuz Méndez, xinecóloga do centro de Especialidades do Complexo Hospitalario Xeral Calde de Lugo, e a socióloga Ana Touriño.

 

O debate sobre a prostitución foi o tema elixido polo Observatorio para continuar cunha nova edición de “Falemos de…” en outubro, en Ribadeo. Como relatoras participaron dúas reputadas sociólogas, Marta Casal e Silvia Pérez, nun debate fondo e crítico sobre o tema, examinando a situación das mulleres en prostitución, o papel dos homes que consomen sexo de pago, o proxenitismo, as redes de trata e explotación sexual, así como as particularidades de cada tipoloxía de prostitución (na rúa, en clubs ou en pisos).

Síguenos nas redes:

Share This