En colaboración coa Concellaría de Igualdade, celebramos en Burela no mes de outubro de 2008 o primeiro obradoiro de sexualidade Tuppersex, impartido pola tenda erótica Los Placeres de Lola. Con grande afluencia de público, nesta cita rachouse con moitos prexuízos presentes aínda hoxe no ámbito do sexo, fomentáronse hábitos sexuais saudábeis e favoreceuse un mellor coñecemento da sexualidade das mulleres.

 

O principal obxectivo do obradoiro é favorecer cunha metodoloxía lúdica e formativa, e desde unha perspectiva feminista, o autocoñecemento da anatomía fisiolóxica de cadaquén, para rachar cos falsos mitos, tabús e prexuízos que existen arredor do sexo contribuíndo a que tanto mulleres como homes poidan coñecer mellor a súa sexualidade. O obradoiro busca tamén facilitar a adquisición, desenvolvemento e interiorización de hábitos sexuais saudábeis e seguros, así como a mellora da autoestima.

O outro propósito é presentar os diferentes xoguetes sexuais que existen no mercado mostrando as posibilidades do seu uso erótico, para que as persoas que o desexen poidan mercalos. En efecto, o Tuppersex debe o seu nome a esta segunda finalidade, xa que ten a súa orixe nas chamadas demostracións de ‘Tupperware’ tan comúns nas décadas pasadas, nas que varias persoas se reunían para apreciar a versatilidade e funcionalidade dun determinado produto, coa opción a mercalo. Los Placeres de Lola leva anos organizando ou participando en obradoiros de sexualidade Tuppersex, todos eles moi concorridos e de enorme éxito.

Ribadeo e Riotorto tamán acolleron o obradoiro en maio e setembro de 2010, respectivamente.

Síguenos nas redes:

Share This