O debate sobre a prostitución foi o tema elixido polo Observatorio da Mariña pola Igualdade para continuar cunha nova edición do ciclo de charlas café FALEMOS DE… Tivo lugar no café O Cantón de Ribadeo, o sábado pasado.

Dada a complexidade do fenómeno e a coexistencia de diferentes posturas enfrontadas, partidarias ou ben da regularización da prostitución (por considerala un traballo máis) ou ben da súa abolición (por considerala unha forma extrema de violencia contra as mulleres), o obxectivo da sesión ribadense foi propiciar un debate fondo e crítico sobre o tema, examinando a situación das mulleres en prostitución, o papel dos homes que consomen sexo de pago, o proxenitismo, as redes de trata e explotación sexual, así como as particularidades de cada tipoloxía de prostitución (na rúa, en clubs ou en pisos). Para iso contamos coa presenza de reputadas sociólogas, Marta Casal e Silvia Pérez, cunha ampla bagaxe teórica e traballo de campo no ámbito da prostitución desde unha perspectiva de xénero.


