Enmarcado no programa da Festa da Cultura, de Riotorto, o Observatorio da Mariña pola Iguladade organizou o obradoiro Tuppersex. A actividade foi impartida por Natalia Domínguez, membra da asociación e da tenda erótica Los Placeres de Lola; esta foi a terceira ocasión na que Los Placeres de Lola visitou A Mariña, logo de estar en Burela en outubro de 2008 e en Ribadeo en abril deste mesmo ano.

 

O principal obxectivo do obradoiro Tuppersex é favorecer cunha metodoloxía lúdica e formativa, e desde unha perspectiva feminista, o autocoñecemento da anatomía fisiolóxica de cadaquén, para rachar cos falsos mitos, tabús e prexuízos que existen arredor do sexo contribuíndo a que tanto mulleres coma homes poidan coñecer mellor a súa sexualidade. O obradoiro busca tamén facilitar a adquisición, desenvolvemento e interiorización de hábitos sexuais saudábeis e seguros, así como a mellora da autoestima.

O outro propósito do Tuppersex é presentar os diferentes xoguetes sexuais que existen no mercado mostrando as posibilidades do seu uso erótico, para que as persoas que o desexen poidan mercalos. En efecto, o obradoiro debe o seu nome a esta segunda finalidade, xa que ten a súa orixe nas chamadas demostracións de ‘Tupperware’ tan comúns nas décadas pasadas, nas que varias persoas se reunían para apreciar a versatilidade e funcionalidade dun determinado produto, coa opción posteriormente a mercalo. Los Placeres de Lola leva anos organizando ou participando en obradoiros de sexualidade Tuppersex, todos eles moi concorridos e de enorme éxito.

O Observatorio tamén participou na Festa da Cultura coa exposición de fotografías “Olladas de Mulleres”.

Síguenos nas redes:

Share This