Despois de debater sobre a lingua, o deporte, o aborto, a educación, a economía, etc., o venres pasado tivo lugar en Burela a charla-café “Falemos de… Mulleres e saúde: a endometriose”. Chus Méndez e Ana Touriño faláronnos desta enfermidade -que consiste na aparición e crecemento de tecido endometrial fóra do útero- que padecen 5 de cada 10 mulleres en idade fértil e da que apenas ouvimos nada na nosa vida cotiá.

Chus Méndez, xinecóloga do Centro de Especialidades do Complexo Hospitalario Xeral Calde de Lugo, puxo sobre a mesa o punto de vista médico, mentres que Ana Touriño deu a súa visión da enfermidade desde un punto de vista sociolóxico, mais tamén como afectada.
A charla-café prolongouse durante máis de dúas horas. Nela púxose de manifesto a maneira na que esta enfermidade altera a calidade de vida das afectadas no tocante ás súas relacións de parella, laborais, de reprodución, etc., e tamén a dificultade do seu diagnóstico e tratamento. Ademais, varias afectadas que se atopaban entre o público deron a súa visión particular sobre a enfermidade e compartiron con nós a súa experiencia, contribuíndo a facer a charla-café aínda máis interesante e participativa.


