O Observatorio denuncia o comportamento sexista do SERGAS
O Observatorio da Mariña pola Igualdade denuncia un comportamento sexista reiterado por parte do SERGAS, e así o manifestamos a través dun carta enviada á xerente da nosa área sanitaria de referencia.
Sra. Xerente executiva de Cervo (Hospital da Costa):
Nos últimos días recibimos por parte de varias mulleres mariñás denuncias sobre dúas formas de sexismo dentro da EOXI de Lugo que poñen de manifesto, unha vez máis como, as administracións públicas non só non dan exemplo en relación a cumprir o principio de igualdade senón que, pola contra, participan activamente de formas de violencia simbólica que a día de hoxe son intolerables.
Por unha banda, o feito de que, con certa frecuencia, os informes de alta de mulleres ingresadas no Hospital de Burela se refiran á doente en todo momento en masculino. Esta práctica sexista aínda o é máis cando o servizo onde se produce é o de xinecoloxía. A estas alturas do século XXI que dentro dunha administración pública se perpetúe a desigualdade mediante a linguaxe sexista, desatendendo así as recomendacións que ao respecto fai a administración á que pertencen, amosa un nivel alto de violencia institucional. Así o recolle a propia Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia:
“O sexismo lingüístico fai referencia a aquelas prácticas de discriminación a través dunha utilización do idioma non igualitaria para ámbolos sexos. É moi común empregar o masculino como falso xenérico englobando as mulleres e os homes; mais existen numerosos recursos a través dos cales podemos reflectir a equidade no trato a ambos os dous sexos”
O outro feito ocorre o mesmo 8 de marzo, día internacional das mulleres, no que un sindicato convoca a unha folga, entre outros colectivos, ao persoal do SERGAS para reivindicar cuestións relacionadas coas desigualdades históricas entre mulleres e homes.
Para garantir o dereito á folga a dirección de recursos humanos da EOXI de Lugo nomea os servizos mínimos seguindo o mesmo criterio que calquera folga na que as reivindicacións son xerais para todo o persoal. Deste xeito deuse o paradoxo de que en servizos onde hai unha soa muller entre varios homes, é ela á que se lle nomea para cubrir os servizos mínimos. Preguntámonos se no caso dunha folga de especialistas convocada para reivindicar os dereitos dos oftalmólogos (poñamos por caso) serían estes os que cubriran os mínimos de todo un centro.
Estes son só dous exemplos máis dos que se dan na institución que vostede dirixe, que se suman a outros denunciados por esta mesma asociación e que veñen a constatar o pouco coidado e interese que ten en promover a igualdade real entre mulleres e homes.
Nunhas semanas cargadas de manifestacións mediáticas e hipócritas sobre a igualdade e anuncios sobre novos plans de igualdade, convidámola a dar pasos reais e a cumprir a lexislación vixente en relación con todo o relativo ao que expresamos nesta denuncia, instando a esta Administración a que remova as canles oportunas para poñerlle fin, de maneira inmediata, a tan lamentable situación discriminatoria.
Observatorio da Mariña pola Igualdade
29 de marzo de 2017