Cartel 15
Cartel 5
Cartel 19
Cartel 17

calendario

Último mes maio 2017 Seguinte mes
L M Me X V S D
week 18 1 2 3 4 5 6 7
week 19 8 9 10 11 12 13 14
week 20 15 16 17 18 19 20 21
week 21 22 23 24 25 26 27 28
week 22 29 30 31
Mónica Camaño

Mónica Camaño é a nosa protagonista de maio na campaña Non nacín para ser domesticada, de visibilización e valoración das nosas teatreiras. Actriz de teatro (ás ordes de Cristina Domínguez, Roberto Vidal Volaño, Manuel Lourenzo, Celso Parada, Paredes ou Etelvino Vázquez entre outr@s), cinema (A cicatriz branca; Doentes; Liste, pronunciado Líster; Santa Liberdade ou O lapis do carpinteiro),  e televisión (Matalobos; O club da calceta; A vida por diante; Efectos secundarios; Coralia e Maruxa, as irmás Fandiño; Terra de Miranda....), tamén exerceu de directora de varios espectáculos teatrais (Véndese; A ratoeira; O médico a paus;  O porvir está nos ovos;  Nunca nada de ninguén...). Como actriz estivo nominada varias veces aos Premios María Casares, facéndose con el no ano 2008 por Emigrados

 

Aquí tedes o fermoso e reivindicativo texto que nos fixo en exclusiva para a Axenda Feminista 2014 de Teatreiras Galegas. 

 

 

A PERSISTENCIA DO CORPO E DA MEMORIA

                            

Si. Somos mulleres traballadoras do teatro. O resón do FEMINISMO de outrora que nos acolleu na escena, ten hoxe que abrollar dos linóleos que teimamos por pisar, da pedra, madeira, herba ou asfalto onde puidermos traballar pois cada vez é máis difícil facelo nos teatros. No noso labor ten que persistir a pegada da dignidade feminista para non sucumbirmos en escenarios-escaparates-escravizantes. Non pode ser doutro xeito.

 

E somos galegas, nacemos na militancia do compromiso que reivindicaba mil primaveras para a lingua e para unha cultura propias, tesouros que viñeron en levadas de memoria conformándonos como somos. Nese percorrido de corpo, saber e memoria, alimentámonos de Medeas, Antígonas, Fedras, Casandras... E bailemos nós ja todas tres, ai amigas... Malia logo sermos desterradas dos palcos e da luz, da historia, castigadas á escuridade e ao silencio da igrexa e do capital. Porén, mentres sobrevivimos reducidas a bruxas ou balteiras, reinventámonos agardando os amenceres de Nora, a que rescatou Elfriede Jelinek dos piares da sociedade nunha Casa de bonecas que nos ofrecera Ibsen, para rebentar á vida e actuar por nosoutras. E rebentou Pina en movemento... E de cada rebento, fixemos lousa firme para o noso andar colectivo na conquista da dignificación do noso oficio.

 

Por iso agora, cando treme o chan baixo os nosos pés por mor do espolio dos dereitos máis fundamentais e caen as máscaras aínda porfiando na mentira, máis ousadas e fortalecidas debemos permanecer por ese público que agarda outras voces, outras olladas, outras vidas, alentos de rebeldía... Pois o teatro, o do occidente, naceu canda a democracia, e non imos permitir que nos abafen, porque daquela a enxurrada varrerá con todas. No teatro somos en liberdade.

 

Mónica Camaño

 
Observatorio da Mariña pola Igualdade | deseño akersia.es