Cartel 19
Cartel 15
Cartel 17
Cartel 5

calendario

Último mes xullo 2017 Seguinte mes
L M Me X V S D
week 26 1 2
week 27 3 4 5 6 7 8 9
week 28 10 11 12 13 14 15 16
week 29 17 18 19 20 21 22 23
week 30 24 25 26 27 28 29 30
week 31 31
O Observatorio asina o manifesto polo mantemento dos Centros de Orientación Familiar (COF) da Coruña

 

O Observatorio da Mariña pola Igualdade  asina o manifesto polo mantemento dos Centros de Orientación Familiar (COF) da Coruña que reproducimos a continuación

 

Os recortes e a xestión ineficaz e frívola do Sergas  ameazan a atención sanitaria que presta o Centro de Orientación Familiar

 

A xubilación e falta de substitución do xinecólogo do Centro de Orientación Familiar (COF) do Ventorrillo provoca unha crise e ameaza gravemente toda a atención sanitaria deste servizo. Os COF son os centros especializados, e para moitas persoas, o único servizo público que presta atención de anticoncepción, prevención de cancro de útero, orientación da demanda de esterilidade, interrupción legal do embarazo e atención á problemática psicosexual e de parella. Os recortes do Sergas e a irresponsable e irreflexiva decisión da Xerencia de non cubrir a xubilación deste profesional e derivar dun modo bastante frívolo esta atención sanitaria aos centros de saúde demostran unha falta de respecto pola saúde das mulleres, déixanas nunha situación de indefensión con perda de dereitos básicos e obrígaas a buscar solucións para algúns problemas na sanidade privada e, por outra parte, van repercutir en todo o servizo, con imposibilidade de atención inmediata a moitos destes problemas de saúde urxentes e incremento irresponsable das listas de espera. Esiximos unha planificación racional e seria desta atención sanitaria en toda a Área de Saúde desde A Coruña ata Cee e restaurar o servizo tal como estaba mentres tanto, coa cobertura da praza de xinecoloxía.

 

Na Área de Saúde de A Coruña (desde A Coruña ata Cee) funcionan dous Centros de Orientación Familiar (COF), os dous situados na cidade. O que está na rúa Orillamar depende do Sergas e do Concello e atende os municipios de A Coruña, Cambre, Carral, Sada e Oleiros (90834 mulleres de 15 a 54 anos). O outro situado no centro de especialidades do Ventorrillo, depende do Sergas e atende aos outros 33 concellos, que suman 61674 mulleres de 15-54 anos. No de Orillamar traballan 2 xinecólog@s, 1 traballadora social, 1 enfermeira, 1 matrona,  1 psicóloga clínica, 1 auxiliar de clínica e 3 auxiliares administrativas. No do Ventorrillo traballaban 1 xinecólogo, 1 enfermeira, 1 traballadora social, 1 psicóloga clínica e 1 auxiliar de clínica.
 

Os COF son os únicos centros sanitarios públicos onde se trata a saúde sexual e reprodutiva dun modo integral, mediante asistencia sanitaria, educación e prevención. As prestacións destes centros son:

 

  1. Atención da demanda de anticoncepción: asesoramento, instauración do método, revisións específicas, anticoncepción de urxencia, atención dos posibles efectos secundarios e complicacións, atención cirúrxica.
  2. Exames de saúde xinecolóxicos periódicos de prevención de cancro de útero.
  3. Avaliación e e derivación da demanda de esterilidade.
  4. Demanda da interrupción legal de embarazo: información e derivación á clínica asistencial, valoración do risco psicolóxico, exploración xinecolóxica post-intervención, asesoramento anticonceptivo posterior e instauración do método.
  5. Atención á problemática sexual e da parella

 

Ante a xubilación do xinecólogo do COF do Ventorrillo a Xerencia do Sergas de A Coruña decide non contratar outro xinecólogo no seu lugar e reorganizar o servizo unificando o resto dos profesionais deste COF cos de Orillamar, quedando este como único centro para toda a Área. Ao mesmo tempo esta Xerencia decide que a partir de agora os centros de saúde serán os lugares onde se realizará prevención de cancro de útero e atención de anticoncepción.

 

A Xerencia do Sergas demostra frivolidade na toma de decisións xa que neste momento a maioría dos centros de saúde non ofrece estaprestación asistencial, salvo a que poidan facer as matronas e algúns médicos de familia pero en absoluto está garantida para toda a poboación. A Xerencia demostra irresponsabilidade polas consecuencias de perda de dereito de moitas mulleres e mala xestión pola lixeireza e ineficacia que demostran. Ademais de obrigar ás mulleres a ir á sanidade privada, se poden pagala, sobrecargan ao COF resultante cunha actividade que lles vai impedir actuar coa calidade debida e que en moitos casos vailles impedir prestar o servizo ‘nos tempos’ que permite ás mulleres exercer os seus dereitos e a todas as persoas recibir atención á súa problemática sexual e da parella.

 

Que é necesario e que esiximos para asegurar unha planificación racional e seria?

 

  1. De inicio: Cobertura da praza de xinecoloxía vacante XA!
  2. Formación do persoal en atención primaria.
  3. Asignación de responsables en cada centro de saúde que aseguren que a poboación vai ter cobertura desta prestación sanitaria.
  4. Coordinación entre atención primaria e o COF de modo que se asegure a mesma atención sanitaria se viva en Cee ou na Coruña e se poida realizar de modo satisfactorio e con calidade toda a actividade asistencial, preventiva e de educación sanitaria.
  5. Cronograma da súa aplicación.

 

Este GRUPO DE APOIO AOS COF vai realizar mobilizacións ata asegurar que as persoas desta Área de Saúde poidan exercer o seu dereito a unha saúde sexual e reprodutiva en liberdade e igualdade, con recursos suficientes e calidade en todos os Concellos da Área

 

Podedes ver os colectivos que forman parte deste grupo de apoio aos COF pinchando aquí

 
Observatorio da Mariña pola Igualdade | deseño akersia.es