Cartel 17
Cartel 5
Cartel 19
Cartel 15

calendario

Último mes abril 2017 Seguinte mes
L M Me X V S D
week 13 1 2
week 14 3 4 5 6 7 8 9
week 15 10 11 12 13 14 15 16
week 16 17 18 19 20 21 22 23
week 17 24 25 26 27 28 29 30
actualidade
O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza un obradoiro con Coral Herrera en Burela
14 de Marzo de 2017

    

  

 

Seguindo coa programación de actividades deste ano 2017, e para celebrar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o Observatorio da Mariña pola igualdade organiza o obradoiro “Outras formas de quererse son posibles”, impartido por Coral Herrera Gómez.  Será o vindeiro sábado 25 de marzo e terá lugar  nas instalacións do hotel Nordés en Burela. A actividade durará toda a xornada, mañá e tarde, cun descanso para o xantar. 

 

Coral Herrera Gómez, que naceu en Madrid e reside en Costa Rica dende o ano 2011 aproveitará a súa xira 2017 pola península para impartir charlas e obradoriros en universidades, IES, concellos, asociacións... En Galiza, ademais de Burela, só estará en Allariz e A Coruña.

 

Doutora en Humanidades e Comunicación, profesora e investigadora na Universidade da Sorbona en París, na Universidade Carlos III de Madrid e na UNED de Costa Rica. É, ademais, blogueira, escritora e investigadora feminista. Tamén é a creadora da plataforma "Otras formas de quererse", na que imparte talleres en liña e coordina unha rede social de mulleres, "El laboratorio del amor", onde analiza como construímos a realidade, como aprendemos a ser homes e mulleres ou como construímos o amor de parella, todo desde unha perspectiva feminista.

 

O seu lema baséase en que é posible revisar o aprendido, que non estamos condenadas a sufrir por amor, e que a ledicia e a tenrura son os ingredientes principais para construír outras formas de querernos e de relacionarnos. O amor é una enerxía que move o mundo: cambia coas épocas históricas e coas culturas. Ela traballa con tres ideas principais: o romántico é político; ningún amor é ilegal; e outras formas de querernos son posibles.  Se queredes máis información, consultade a páxina  www.otrasformasdequererse.com.

 

Pódese despatriarcalizar o amor, sufrir menos e gozar máis.  É por iso que desde o Observatorio da Mariña pola Igualdade consideramos que esta é unha grandísima oportunidade para aproveitar a calidade desta relatora e do tratamento dun tema de grande interese, o amor romántico, enfocado desde unha perspectiva feminista.

 

 

Por este motivo, convidamos a todas as persoas interesadas a inscribirse no citado obradoiro, advertindo que hai un número de prazas limitadas A inscrición, cuxo custe será de 10 € (30 € incluíndo o xantar), farase a través do correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo , ata o día 22 de marzo.

 

 

 
O Observatorio denuncia o comportamento sexista do SERGAS
29 de Marzo de 2017

 

O Observatorio da Mariña pola Igualdade denuncia un comportamento sexista reiterado por parte do SERGAS, e así o manifestamos a través dun carta enviada á xerente da nosa área sanitaria de referencia. 

 

Sra. Xerente executiva de Cervo (Hospital da Costa):

 

Nos últimos días recibimos por parte de varias mulleres mariñás denuncias sobre dúas formas de sexismo dentro da EOXI de Lugo que poñen de manifesto, unha vez máis como, as administracións públicas non só non dan exemplo en relación a cumprir o principio de igualdade senón que, pola contra, participan activamente de formas de violencia simbólica que a día de hoxe son intolerables.

 

Por unha banda, o feito de que, con certa frecuencia, os informes de alta de mulleres ingresadas no Hospital de Burela se refiran á doente en todo momento en masculino. Esta práctica sexista aínda o é máis cando o servizo onde se produce é o de xinecoloxía. A estas alturas do século XXI que dentro dunha administración pública se perpetúe a desigualdade mediante a linguaxe sexista, desatendendo así as recomendacións que ao respecto fai a administración á que pertencen, amosa un nivel alto de violencia institucional. Así o recolle a propia Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia:

 

O sexismo lingüístico fai referencia a aquelas prácticas de discriminación a través dunha utilización do idioma non igualitaria para ámbolos sexos. É moi común empregar o masculino como falso xenérico englobando as mulleres e os homes; mais existen numerosos recursos a través dos cales podemos reflectir a equidade no trato a ambos os dous sexos”

 

O outro feito ocorre o mesmo 8 de marzo, día internacional das mulleres, no que un sindicato convoca a unha folga, entre outros colectivos, ao persoal do SERGAS para reivindicar cuestións relacionadas coas desigualdades históricas entre mulleres e homes.

 

Para garantir o dereito á folga a dirección de recursos humanos da EOXI de Lugo nomea os servizos mínimos seguindo o mesmo criterio que calquera folga na que as reivindicacións son xerais para todo o persoal. Deste xeito deuse o paradoxo de que en servizos onde hai unha soa muller entre varios homes, é ela á que se lle nomea para cubrir os servizos mínimos. Preguntámonos se no caso dunha folga de especialistas convocada para reivindicar os dereitos dos oftalmólogos (poñamos por caso) serían estes os que cubriran os mínimos de todo un centro.

 

Estes son só dous exemplos máis dos que se dan na institución que vostede dirixe, que se suman a outros denunciados por esta mesma asociación e que veñen a constatar o pouco coidado e interese que ten en promover a igualdade real entre mulleres e homes.

Nunhas semanas cargadas de manifestacións mediáticas e hipócritas sobre a igualdade e anuncios sobre novos plans de igualdade, convidámola a dar pasos reais e a cumprir a lexislación vixente en relación con todo o relativo ao que expresamos nesta denuncia, instando a esta Administración a que remova as canles oportunas para poñerlle fin, de maneira inmediata, a tan lamentable situación discriminatoria.

 

 
Comunicado do Observatorio da Mariña pola Igualdade
30 de Xaneiro de 2017

 

 

O Observatorio da Mariña pola Igualdade quere manifestar a súa máis enérxica condena polo asasinato machista que se cometeu no Carballiño o pasado domingo e trasladarlle o noso máis profundo pesar aos familiares e amizades da víctima.

 

Queremos sinalar que comeza un novo ano no que a macabra lista de mulleres victimas da violencia de xénero non se deten, e advertimos da perigosidade que implica a naturalización da violencia contra as mulleres convertindo estos crimes en meros datos numéricos aos que a sociedade se vai acostumando.

 

O Observatorio segue a denunciar a necesidade de máis esforzos e medios para combater esta lacra , e esixe ás institucións que se poñan a disposición da sociedade con todos os recursos materiais e humanos que sexan precisos para que, de maneira definitiva e rotunda, dende calquera eido sexamos quen de rematar coa discriminación das mulleres en xeral e coa violencia machista en particular.

 

Non podemos esquecer que a violencia de xénero comeza a manifestarse cada vez a idades máis temperás e por iso incidimos en que a solución a esta violencia debe ter como piar fundamental a educación, e estar baseada no fomento de valores coeducativos e da educación en igualdade.

 

Reivindicamos e esiximos que, de unha vez por todas,o terrorismo machista sexa considerado unha cuestión de Estado para loitar contra os feminicidios dende xa. Necesitamos feitos,non palabras.Necesitamos medios, non minutos de silencio.

 

Dende o feminismo, seguiremos a loitar contra o machismo. Porque queremos vivir nun mundo no que a igualdade real entre homes e mulleres sexa unha realidade. Porque vivir sen violencia é un dereito!

 

O MACHISMO MATA. QUERÉMONOS VIVAS.

 

 
Axenda Feminista 2016: Científicas Galegas
08 de Decembro de 2015

Xa é unha habitual máis destas datas e non queríamos pasar máis tempo sen presentarvos a Axenda Feminista 2016 do Observatorio da Mariña pola Igualdade, dedicada este ano ás Científicas Galegas. Queredes saber máis? Seguide lendo!

 

Ler máis...
 
«InicioAnterior123456SeguinteFinal»

destacado

Queredes a unidade didáctica que editamos sobre a mestra e pedagoga Antía Cal con motivo da homenaxe que se lle rendeu en Muras? Pinchade aquí e aquí e facédevos co material!

 

 
Observatorio da Mariña pola Igualdade | deseño akersia.es