O Observatorio da Mariña pola Igualdade e o Concello de Ribadeo organizan a I Feira Feminista de Outono que terá lugar o vindeiro sábado 28 de outubro na vila ribadense. A xornada acollerá múltiples actividades do ámbito social, cultural e educativo que terán por escenario principal a Praza 8 de marzo.
Os obxectivos principais deste proxecto impulsado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade son, entre outros, visibilizar proxectos feministas que se están desenvolvendo en Galiza, poñer en común experiencias e persoas que comparten o feminismo como ferramenta para acadar a igualdade e implicar a diferentes colectivos, mulleres e institucións públicas na difusión da mensaxe da igualdade e do feminismo.
A I Feira Feminista de Outono en Ribadeo contará coa presenza dunha longa lista de entidades e organizacións que traballan con perspectiva de xénero no ámbito social, cultural e educativo en Galiza. Así, estarán nos postos da Praza 8 de marzo a Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Ribadeo, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, as revistas Revirada e Andaina, diferentes organizacións sindicais, a Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega, o Comité Lila do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, o Festival Agrocuir da Ulloa etc.
Abrirá o programa, ás 12 da mañá, a realizadora e actriz Sonia Méndez cun pregón feminista amenizado polo grupo local de Falapandeireta Erikas e Peluxías e polo grupo de música tradicional A Subela e, ademais dunha degustación de vermús con versos feministas que terá lugar en varios locais da vila antes do xantar, haberá tempo para varios talleres sobre autocoñecemento e sexualidade con Martina González Veiga, na Oficina de Turismo, e para a música e o baile. A partir das 21 horas gozaremos cunha Verbena feminista na que Touciño Blúes e as Punkiereteiras pecharán a xornada na Praza 8 de marzo.
O Observatorio da Mariña pola Igualdade contará cun posto onde se venderán camisolas, bolsas, chapas e onde se expoñerán algúns dos proxectos que desenvolveu a organización nos últimos anos de vida. No posto tamén se poderán adquirir os bonos para a degustación dos vermús feministas (con e sen alcohol) a un prezo de 2 euros.
Para anotarse á actividade “Quererme ben para querer mellor” Obradoiro de autocoñecemento e sexualidade para mozas de 14 a 18 anos, podedes escribir a observatorioigualdade@gmail.com.